martes, 29 de abril de 2008

FESTA DO 1º DE MAIO

Os/as Socialistas de Foz celebramos a Festa do 1º de Maio sempre con moita ilusión e alegría porque a sentimos de verdade. No noso pobo esta festa lévase facendo 18 anos e recordo no ano 1991 a un grupo reducido grupo de compañeiros e compañeiras no Bispo Santo, baixo unha pequena carpa sobre a que chovía debido o mal tempo que reinaba por aquela data. Era curioso ver aqueles/as vellos/as e novos/as, que empezabamos con tanta ilusión, contando anécdotas e escoitando ás persoas máis maiores do Partido Socialista Focense describindo as súas vivencias. Era apaixonante e nunca esquecerei aqueles momentos.

Agora esta Festa é máis grande, chega a moitos lugares da nosa provincia e un gran número de persoas de distintos lugares se desprazan a Foz todos os 1º de maio a cumprir coa tradición. Nós estamos moi contentos de que así sexa. Síntese a unión entre aquelas persoas que sempre fixeron do seu traballo o seu medio de vida, que sempre contribuíron a manter os valores en pé, e que sempre, coa dignidade que caracteriza os traballadores e traballadoras, viviron momentos de preocupación, de incerteza e de ledicia, algunha vez que outra.

Certamente, agora non facemos nós a comida porque non daríamos feito para tantos, pero non podemos esquecer que antes eramos nós, os compañeiros e compañeiras da Agrupación de Foz os que nos encargábamos desa tarefa. ¡Como esquecer as tortillas que cociñábamos nas nosas casas, os chicharros que asábamos no propio monte, o churrasco e tantas outras cousas co selo dos propios traballadores e traballadoras! ¿Lembrades? Ata alí levábamos o sentimento de traballadores e, en algún caso, nin sequera nos sentábamos á mesa para comer. Diciades: ¿quen vai facer o traballo? Pero as vosas caras amosaban ledicia, notábase que estabades a gusto por pasar un día feliz dentro da humildade que sempre nos caracteriza. Ademais tamén estaban ao noso carón os/as nosos/as fillos/as, que daquela tiñan unha media de 4 ou 6 anos, e hoxe pasan xa dos vinte. Era algo grande o que acadábamos, o compañeirismo era grandioso, total. Por favor, compañeiros/as, non perdades esas lembranzas tan fermosas.

Ás veces escoitamos a personaxes, que realmente non merecen nin sequera a nosa atención, chamarnos a atención por celebrar o 1º de maio. Din que nos apoderamos de non saben nin eles mesmos de que. Estes resabiados non merecen a nosa atención, nin foron ,nin son, nin serán nunca traballadores, son distorsionadores da realidade e viven escondidos, lanzando dardos envelenados para intentar esmagar á xente de ben. A estas persoas témolas que combater con máis traballo e máis accións boas que redunden no beneficio dunha grande maioría de traballadores e traballadoras deste país.

Para rematar, dicir: ¡Viva o 1º de Maio! Como sempre, vémonos en Foz. E desde aquí traballamos para que se acade a estabilidade laboral, empregos de calidade, e que non se perda de vista a aquela xente que menos ten, e que necesita de todos/as nós para darlles un emprego, apoio e comprensión.